Tuesday 14 de May de 2024

A Pobra exalta a tradición popular e a gastronomía co II Magosto Arrancadeira


Con novembro chega unha das tradicións outonais con máis arraigamento en Galicia. O magosto é sinónimo de foliada, alfombras de follas e ourizos, xogos populares e froitos secos; un festexo cunha estreita relación coa gastronomía e que ten na castaña a súa máxima expoñente que, séculos atrás, constituía unha das bases da alimentación. Recupérase así o Magosto Arrancadeira que naceu en 2019 e se interrompeu coa pandemia. Trátase da segunda edición dun programa co cal se pretende “poñer en valor a historia e o folclore da nosa terra”, segundo manifesta a concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada de representantes da entidade: Maribel Lojo, Natalia Fernández e Carla Bargo.

A exaltación terá lugar no 5 de novembro, na praza Alcalde Segundo Durán, en horario de tarde. Alejandro Martínez impartirá o obradoiro O baile na comarca do Barbanza, a partir das 18.00 horas, para, deseguido, dar paso a unha foliada e, xa pola noite, será a quenda dos concertos con Río de Anxo e Cantareiros de Cántigas e Frores. O acceso é libre ata completa-la cabida.

Haberá tamén castañas, chocolate con rosca, bocadillos fríos e quentes e bebidas; todo a prezos populares.

Sortearanse, ademais, unha cea, unha noite nun hotel e unha cesta de produtos variados.